De Compostela á inmensidade das augas
De Compostela á inmensidade das augas
Este é o único Camiño que inicia o seu andar na tumba do Apóstolo Santiago, ahí onde todos os demáis Camiños rematan.
A súa orixe é ancestral, anterior ao propio cristianismo, ligada ao mito do Finis Terrae e ao culto solar. Os antigos vían como o sol morría cada día no Atlántico, o Mare Tenebrosum, e crían que alí residía o Alén.
A Igrexa, lonxe de borrar esta tradición, cristianizou o trazado vinculándoo coa visita ao Santo Cristo de Fisterra e ao Santuario da Virxe da Barca en Muxía, creando unha prolongación espiritual necesaria para moitos peregrinos que, tras visitar ao Apóstolo, necesitaban camiñar cara ao "fin do mundo".
Se todos os camiños levan a Santiago, este é o que nos permite ir máis alá. Unha ruta que non busca a gloria eterna nunha catedral, senón a redención física e espiritual fronte á inmensidade do océano. É a viaxe do desapego, onde o peregrino queima as súas roupas ou se baña nas augas frías do Océano para renacer tras o esforzo da andaina.
Tras deixar atrás as torres da Catedral e a humilde Igrexa de San Martiño de Aríns, o primeiro gran fito é Ponte Maceira. Este enclave garda unha ponte medieval que desafía a forza do río Tambre. A lenda conta que as tropas romanas que perseguían aos discípulos de Santiago desapareceron baixo as súas augas cando a ponte se derrubou por intervención divina, permitindo a salvación dos que levaban os restos do Apóstolo.
Ao cruzar o arco do Pazo do Cotón, o viaxeiro entra en Negreira. Esta vila foi a última gran parada de avituallamento antes de internarse nas terras máis salvaxes. O pazo é o símbolo dunha fidalguía que mantiña o control sobre os camiños que levaban ao mar, marcando o paso dunha Galicia fértil a unha Galicia de montes e silencios.
No corazón da comarca de Xallas, Olveiroa ergue os seus hórreos de pedra. Antes de chegar, o peregrino saúda á Igrexa de Santa María de Olveira, un exemplo de arte románica que garda a esencia do rural galego. Este lugar é un exemplo de recuperación do patrimonio, onde o camiñante descansa rodeado de arquitectura que vive ao ritmo das colleitas.
Este lugar debe o seu nome a que aquí existiu un hospital de peregrinos que acollía aos que buscaban o mar. Neste pequeno enclave, a historia dita unha decisión fundamental.
O camiño divídese: o peregrino pode elixir ir primeiro cara a Fisterra ou, como fan moitos hoxe en día, tomar a variante de Muxía.
O máis fermoso deste trazado é que non son destinos illados; despois de visitar a Virxe da Barca, o camiñante percorre o litoral cara ao sur, unindo os dous santuarios por camiños de costa ata alcanzar o seu destino final no Cabo Fisterra.
Nesta etapa, o peregrino chega ao Santuario da Virxe da Barca. Segundo a tradición, a Virxe chegou aquí nunha barca de pedra para dar ánimos ao Apóstolo. As famosas "pedras que abalan" son os restos desa embarcación mística. Tras este encontro co mar, o peregrino inicia o seu tramo final cara ao "Finis Terrae", unindo por fin os dous puntos máis sacros do litoral.
Unha vez feito o rito de pasar baixo a Pedra de Abalar en Muxía, non é preciso dar a volta. Existe un carreiro que serpentea cerca da costa cara ao sur, unindo os dous cabos. É unha etapa de transición, uns 30 quilómetros de soidade e beleza natural que serven de reflexión antes do obxectivo final, pasando por pequenas aldeas.
Un punto máxico deste tramo é o paso pola pequena Ría de Lires. Alí, onde o tempo parece detido, o peregrino cruza a fronteira natural entre os concellos de Muxía e Fisterra. É un lugar de descanso onde o río Castro se funde co mar, obrigando ao camiñante a seguir o ritmo das mareas.
Xusto antes de entrar en Fisterra, o camiño lévanos por Duio. Aquí a historia mestúrase coa néboa, pois din que nestas terras se situaba a cidade de "Dugium", mergullada baixo as augas como castigo divino, e cuxa igrexa de San Martiño custodia hoxe os pasos cansos dos que xa divisan o faro.
A subida ao Cabo Fisterra é a culminación dunha senda de peregrinaxe. O peregrino visita primeiro a Igrexa de Santa María das Areas, que custodia o Santo Cristo de Fisterra, e logo camiña ata o faro. Alí, onde as ondas baten con furia, os antigos situaban a Ara Solis.
É o momento do silencio absoluto e da reflexión persoal ante o baleiro que trasmite a inmensidade do océano.
Unha xanela á natureza:
Máis alá da fe xacobea, neste fermoso enclave, existe unha ruta que latexa co corazón da xente destas vilas. Se o Camiño de Santiago é espiritual, este é un camiño de identidade e cultura mariñeira.
Esta ruta de 200 quilómetros recupera os vellos carreiros de pescadores, percebeiros e vixías. Durante séculos, estas sendas foron o medio de vida da poboación local: usábanas para moverse entre os cantís, para vixiar o mar en busca de barcos en perigo ou para baixar ás pedras onde o mar bota o mellor marisco. É a ligazón perfecta para entender a cultura dun pobo que sempre viviu de cara ao Atlántico.
Ao percorrer este itinerario, entramos na alma de pobos que son a esencia viva de Galicia. Pola súa longa extensión, pódese dividir en varios tramos:
Malpica - Niñóns: Inicio no porto de Malpica, coas Illas Sisargas ao fondo.
Niñóns - Ponteceso: Cantís abruptos e a memoria de Pondal.
Ponteceso - Laxe: O ascenso ao Monte Branco e os percebes do Roncudo.
Laxe - Arou: A Praia dos Cristais e o traballo constante do mar.
Arou - Camariñas: O corazón da traxedia e a luz: Cemiterio dos Ingleses e Cabo Vilán.
Camariñas - Muxía: Andaina entre o cheiro a piñeiro e o ruxir das palilleiras.
Muxía - Nemiña: A etapa máis salvaxe ata o Cabo Touriñán, o punto máis occidental.
Nemiña - Fisterra: O final pola praia de Rostro ata pechar o círculo no Faro de Fisterra.
Esta ruta non ten finalidade espiritual. Serve como mostra do vivir dun pobo vencellado históricamente ao mar, dunha paisaxe onde os faros son luz de guía, e parte da vida mesma desta fermosa terra.