O Camiño Francés é a ruta xacobea máis concorrida. Dende hai séculos trae peregrinos de toda Europa e con eles, ideas, crenzas e estilos artísticos que foron deixando pegada ao longo do percorrido.
O Camiño Francés, tras cruzar vilas e paraxes da península, fai a súa entrada en Galicia por O Cebreiro, lugar emblemático pola súa igrexa prerrománica de Santa María a Real e as pallozas, vivendas de orixe moi antiga.
Dende aquí, o camiño adéntrase entre bosques e pequenas aldeas ata chegar a Triacastela, nome que, segundo o Códice Calixtino, fai referencia aos tres castros existentes na zona. Tradicionalmente foi lugar de hospitalidade e acollida para os peregrinos. Aqui podemos observar a Igrexa de Santiago con ábside románico.
Moi preto atópase o impoñente Mosteiro de Samos, beneditino, no que se combinan estilos gótico tardío, renacentista e barroco. Foi tamén Colexio de Teoloxía e Filosofía, onde se formou o futuro rei Afonso II o Casto, grande impulsor do Camiño. Coa reconstrución no 2020 converterase en Parador.
Seguindo o Camiño a Santiago está Sarria, vila fundada polo rei-peregrino Afonso IX de León, dotada dun hospital e numerosas construcións relixiosas. Foi tamén unha auténtica fortaleza medieval, derrubada durante a Revolta Irmandiña (nobres contra campesiños). A importancia da nobreza local maniféstase no contorno do Mosteiro da Madalena, rexida pola Orde das Mercedes.
Ao longo do percorrido aparecen igrexas, ermitas e fontes que permiten descubrir as múltiples interpretacións do románico galego, sempre ligado á espiritualidade e á vida cotiá do camiñante.
Descendendo cara a Portomarín, o camiño lévanos a unha vila que naceu xunto á antiga ponte romana sobre o río Miño. En 1962, a construción do encoro de Belesar obrigou ao traslado do pobo ao Monte do Cristo.
A igrexa románica de San Nicolás foi desmontada pedra a pedra e reconstruída no novo emprazamento. Nos veráns secos, cando baixa o nivel das augas, poden verse os restos do antigo pobo, o malecón e a ponte primitiva.
Seguindo as pegadas da cultura máis antiga de Galicia -mámoas e dolmens- chegamos á contorna de Palas de Rei, onde se atopa a igrexa do antigo mosteiro feminino de Vilar de Donas, coñecida polas súas pinturas murais, un dos conxuntos mellor conservados de Galicia.
Estas terras, marcadas por fortalezas como o Castelo de Pambre, inspiraron a autores como López Ferreiro, Emilia Pardo Bazán ou Álvaro Cunqueiro.
No centro xeográfico de Galicia sitúase Melide, vila de fonda tradición xacobea, onde o Camiño Francés se funde co Camiño Primitivo. Ambos entran no casco histórico, destacando a portada románica da igrexa de San Pedro, as igrexas de Santa María e do Santo Espírito, antigo hospital de peregrinos e hoxe Museo Etnográfico.
Tamén é salientable o cruceiro de San Roque, de estilo gótico, considerado o máis antigo de Galicia.
Continuando o camiño atopamos a igrexa de Santiago de Boente (século XII), xunto ao río que lle dá nome, o Boente. Deixando atrás este enclave e cruzando o río Iso ao seu paso pola idílica aldea de Ribadiso, chegamos finalmente a Arzúa. Esta vila, coñecida como a "Terra do Queixo" pola riqueza da súa gastronomía basada en productos naturais, é tamén un enclave onde o tempo deixou unha pegada monumental incalculable. Xa no casco urbano, pódese visitar a capela gótica da Madalena, do século XIV, pertencente a un antigo convento de agostiños.
A arquitectura civil e relixiosa fálanos dun pasado de esplendor. Así o reflexan a Igrexa Parroquial de Santiago: Un templo de factura máis moderna que garda no seu interior imaxes de gran devoción e O Pazo de Brandeso, situado nos arredores, é un exemplo magnífico da fidalguía galega, vinculado históricamente a figuras literarias como Ramón del Valle-Inclán, quen se inspirou nestas terras para a súa "Sonata de Otoño".
Neste tramo do camiño, os hórreos, as fontes de pedra e as pontes medievais dan fe dunha organización social milenaria dedicada á terra e ao acubillo do viaxeiro.
Ó sair de Arzúa, cruzando o río Raído e diversas aldeas, o camiño tórnase máis silencioso e místico, xa en terras de O Pino, ata chegar á Ermida de Santa Irene, santa mártir portuguesa. Este santuario, rodeado dunha frondosa carballeira, agocha unha fonte barroca á que a tradición popular atribúe propiedades milagreiras, pois a lenda di que a súa auga mantiña os campos libres de pragas e tiña poderes curativos.
Xunto a esta xoia popular, discorrendo entre extensas paisaxes de eucaliptos e piñeiros, chégase á Igrexa de San Vicente de Arca, un sólido templo neoclásico de notables dimensións e sobriedade. Nas proximidades de Pedrouzo, a arquitectura civil mostra antigas casas de postas e hórreos de tipoloxía tradicional, mentres que pequenas construcións como a Ermida de San Antón ou a ponte sobre o río Brandelos, serven de fitos monumentais da zona. Este enclave ofrece o espazo idóneo para repousar e facer balance da ruta percorrida, e afrontar con forzas renovadas o tramo definitivo cara o Monte do Gozo.
Xa preto de Santiago, o camiño bordea o Aeroporto de Lavacolla, lugar onde antigamente os peregrinos se lavaban e purificaban antes de entrar na cidade. Desde aquí, por primeira vez, divísase o Monte do Gozo, onde xa se pode contemplar ao lonxe a contorna da cidade e a Catedral.
A entrada final a Santiago faise pola Rúa dos Concheiros, chamada así pola cuncha, símbolo xacobeo, seguindo pola Rúa de San Pedro ata cruzar a histórica Porta do Camiño, culminando así a viaxe no centro do casco urbán desta cidade cunha longa e fermosa historia.
Gran parte da riqueza cultural dun pobo descansa na súa gastronomía. De igual xeito que facían os mercaderes que atravesaban a “Porta de Mazarelos” —a nosa histórica 'Porta do Viño'—, hoxe seguimos honrando a tradición de traer á cidade os tesouros máis prezados das nosas ribeiras.
Invitámoste a descubrir a alma da Ribeira Sacra e o Ribeiro a través das nosas edicións especiais: unha homenaxe á maxestuosidade da Cidade Santa e ao esforzo de quen percorre as súas sendas.
Leva contigo o sabor da pedra, do sol e da historia.