A beleza dos pasos a Compostela
Inician este camiño británicos, escandinavos e flamencos no século XII, facendo a súa entrada pola ponte medieval do porto de Coruxeiras en FERROL, cidade galega ilustrada con trazado urbanístico racionalista (barrio de Madalena), e que chegou a ser a Base Naval máis importante do seu tempo.
Estes peregríns, para evitar os perigos do Camiño, chegaban en barcos, que compartían con mercadorías, van topar coa Igrexa de San Martiño de Xubia, (construción románica do s.XII) que ten comunidade relixiosa masculina e feminina. Esta última relacionase máis tarde coa comunidade do Mosteiro de San Paio de Antealtares.
En paralelo á ría, NEDA, con arquitectura popular, casas mariñeiras, modernistas con balconadas e galerías. Tivo o antigo hospital de peregrinos de Sancti Spiritus, hoxe desaparecido, só se conserva a inscripción conmemorativa e a cruz. Tamén hai vestixios dunha anterior igrexa de Santa María do Porto, así como Igrexa de San Nicolás (s.XV).
Unha grande riqueza paisaxística conduce a PONTEDEUME, ponte sobre o río Eume construído por Fernán Pérez de Andrade no século XIV. Os Andrade, familia nobre dominante na zona, co seu Castelo e Torreón no centro da vila... Esta forte implantación nobiliaria provoca as Guerras Irmandiñas (nobre contra campesiños).
Este espírito de loita volverá a repetirse en 1934 coa “revolta obreira” e en 1936 participará activamente na defensa da II República, polo que sufrirá unha forte represión (fusilamento, paseos...) e os superviventes fuxirán ás Fraguas do Eume ata ser capturados.
Seguindo o curso do río Lambre e outros ríos, cruzando MIÑO e adentrándonos por zonas de monte ata chegarmos a BETANZOS e ás súas marismas, pasando o río Mandeo pola ponte vella para entrar polo arco (resto da antiga muralla medieval) á que foi unha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia, situada nun outeiro conserva grande riqueza artística: Igrexa de Santiago (gótico do s.XV) edificada por F. P. Andrade sobre unha románica, importante mostra de transición do románico ao gótico. Igrexa Santa María de Azogue, tamén obra de Andrade, sobre antigo templo románico. Igrexa de San Francisco (gótico do s.XIV) sobre un antigo mosteiro, onde hai distintos sarcófagos da familia Andrade, que é o precedente da escultura funeraria medieval.
Abandonando a “Cidade dos Cabaleiros” nas TRAVESAS recibimos o Camiño Inglés procedente da Coruña, onde os peregríns que viñan de Flandes orientábanse pola Torre de Hércules e entraban polo porto para empezar visitando a Igrexa románica de Santiago (s.XIII) fundada por Alfonso IX e deseñada polos discípulos de Mateo, coincidindo co camiño real de Castela, entrando no Burgo, antigo porto da Orde do Temple, na igrexa románica de Santiago.
O Camiño baixa ata a ponte medieval de A Xira sobre o río Valiñas e penetra en CAMBRE, (aínda que exista un pequeno desvío, merece unha visita a Igrexa de Santa Mª de Cambre, considerada “a catedral do románico rural”) e volvendo ao Camiño, atopase a igrexa románica de SIGRÁS e no perfil dun antigo castro existiu un hospital de peregrinos, pero antes de sair desta parroquia hai que nomear a Maria Pita (loitadora na defensa da Coruña contra os ingleses).
Pouco a pouco chégase a BRUMA (Mesía), onde xa camiñarán conxuntamente ambos os dous camiños (de Ferrol e Coruña), nesta localidade houbo un hospital de peregrinos.
Transitanto por montes, bosques autótonos e cruceiros atopase a igrexa de San Paio de Buscás e descendendo, está SIGÜEIRO, vila de orixe medieval (s.XII) a ponte sobre o río Tambre tamén parece ter a mesma orixe, para adentrarse no Concello de Santiago polo barrio de Meixonfrío, onde existía unha “venta” para refrescarse peregríns e viaxeiros.
Continúase a baixada por Pastoriza lembrando a Enfermeria de peregríns da rúa Espírito Santo, seguindo entre os mosteiros de Santa Clara e do Carme desembocando na Porta da Pena ao pe do célebre mosteiro de San Martiño Pinario.