Unha senda de mar, pedra e historia.
Unha senda de mar, pedra e historia.
O Camiño Inglés debe o seu nome aos peregrinos procedentes de Escandinavia, Islandia, Escocia e, sobre todo, Inglaterra, que chegaban por mar aos portos da Coruña e Ferrol. Desde o século XII, estas rutas marítimas trouxeron consigo devoción, cultura e un rico intercambio comercial que definiu a identidade do norte de Galicia. Para estes navegantes, a travesía por mar -compartindo espazo con mercadorías e historias de portos afastados- era o prefacio dunha viaxe mística que evitaba os perigos das rutas terrestres.
A viaxe comeza no porto de Curuxeiras, dentro da ría de Ferrol. Esta cidade, exemplo do racionalismo ilustrado co seu trazado do barrio da Madalena, foi no seu día a base naval máis estratéxica da península. Ao borde da ría, o peregrino atopa a igrexa románica de San Martiño de Xubia; un templo que acubillou a unha singular comunidade relixiosa mixta e que garda vínculos históricos co mosteiro de San Paio de Antealtares en Santiago.
Seguindo o perfil da costa chegamos a Neda, vila de arquitectura mariñeira e galerías modernistas. Aínda que o tempo borrou o antigo hospital de Sancti Spiritus, a súa inscrición e a cruz permanecen como testemuñas da acollida ao viaxeiro, xunto á igrexa de San Nicolás e os vestixios da primitiva Santa María do Porto.
A paisaxe fúndese coa historia en Pontedeume. Aquí, a ponte sobre o río Eume reconstrúe o relato de Fernán Pérez de Andrade. Esta poderosa estirpe nobiliaria, que dominou a zona co seu castelo e torreón, marcaría o destino da comarca ata o surxir das Revoltas Irmandiñas, cando o campesiñado se ergueu contra o abuso do poder señorial.
Tras cruzar o río Lambre e os montes de Miño, o camiño penétrase nas marismas de Betanzos. Entrando polo arco da antiga muralla, descubrimos a vila que foi unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia. Nesta "Cidade dos Cabaleiros", a riqueza artística é abraiante: a igrexa de Santiago e a de Santa María do Azogue mostran a transición do románico ao gótico, mentres que en San Francisco descansan os sarcófagos dos Andrade, fitos fundamentais da escultura funeraria medieval.
Unha característica importante deste camiño é que o conforman dúas rutas, unha con entrada no porto de Ferrol e outra dende o porto de A Coruña, para logo confluir os distintos viaxeiros máis no interior.
Mentres uns peregrinos buscaban o abrigo da ría de Ferrol, outros moitos desembarcaban ao pé da Torre de Hércules, o faro milenario que guiaba as fustas e naves procedentes de Flandes e as Illas Británicas cara ao porto de A Coruña. Nesta cidade, fundada por Afonso IX, a ruta xacobea fúndese co camiño real de Castela.
O viaxeiro inicia a súa andaina na igrexa románica de Santiago, un templo do século XII que garda no seu deseño a influencia dos discípulos do Mestre Mateo. Desde a rúa da Maestranza, o camiño descende cara ao Burgo, antigo enclave estratéxico da Orde do Temple, onde a igrexa de Santiago do Burgo e a súa ponte medieval sobre a ría de Betanzos lembran o tempo no que os cabaleiros templarios custodiaban os pasos e a fe de quen chegaba polo mar.
A ruta descende pola ponte de A Xira ata Cambre, onde a súa igrexa de Santa María, verdadeira "catedral do románico rural", ben merece un alto no camiño. Seguindo cara a Sigrás, entre castros e recordos de hospitais desaparecidos, abrolla a memoria da valente María Pita, símbolo da resistencia coruñesa fronte ao invasor inglés.
Os pasos dos camiñantes chegan deseguido a Carral, un territorio onde a historia civil e a relixiosa camiñan da man. Este val, testemuña do heroismo no levantamento de 1846, ofrece un acougo entre ladeiras e regatos. A importancia estratéxica desta etapa radica na súa configuración como paso natural cara ao interior.
No plano espiritual, a igrexa de San Estevo de Paleo, de orixe románica pero transformada no século XVIII, álzase como un centro de devoción fundamental. A escasos metros, o Monumento aos Mártires da Liberdade recorda que esta terra garda a memoria da loita pola xustiza.
Neste enclave, aínda se recorda o antigo hospital de peregrinos, e a partir deste momento, o Camiño Inglés fúndese cunha Galicia máis rural e campestre. A ruta transita agora entre montes, bosques autóctonos e camiños de carro (tamén recordados como “corredoiras”) onde o silencio só se rompe polo zoar do vento e o ruxir da auga dos regatos.
No seguinte tramo, o viaxeiro transita polas terras de Ordes, que foron históricamente unha peza clave na loxística do Camiño Inglés, servindo de lugar de avituallamento e descanso grazas á súa rede de feiras e pousadas.
A pegada relixiosa en Ordes é de gran riqueza e sobriedade. Destaca a igrexa de San Paio de Buscás, un pequeno pero magnífico exemplo do románico rural galego que conserva na súa fachada a elegancia dos mestres medievais. Xunto a ela, a igrexa de San Xián de Poulo ofrece outro punto de parada obrigatoria; un templo vencellado á antiga fidalguía local que, coa súa torre e o seu adro, simboliza a protección divina que o viaxeiro buscaba antes de encarar o último treito cara ás ribeiras do Tambre.
Chegados a Sigüeiro, unha vila de orixe medieval (século XII), o camiñante segue a ruta pola ponte sobre o río Tambre, unha construción que parece deter o tempo e que marca o último límite natural antes de encarar a etapa definitiva cara á Cidade Santa.
O camiño Inglés entra en terras de Santiago polo barrio de Meixonfrío. Aquí, onde antigamente existía unha célebre "venta" na que peregrinos e viaxeiros refrescaban o corpo antes do último esforzo, a emoción comeza a dominar o paso.
O camiño continúa descendendo por Pastoriza, evocando a memoria da vella enfermaría de peregrinos que existiu na rúa do Espírito Santo. O itinerario vólvese místico ao discorrer entre os muros dos mosteiros de Santa Clara e do Carme, para finalmente desembocar na histórica Porta da Pena.
Ao pé do monumental mosteiro de San Martiño Pinario, o peregrino percorre as últimas lousas de pedra ata que a silueta da Catedral se ergue impoñente, culminando así unha viaxe que comezou no mar e remata agora no abrazo ao Apóstolo.